miércoles, 21 de mayo de 2014

RUTA FERRADAL:

 

RUTA DO CAMIÑO FERRADAL OU DA CALEIRA: RUGANDO-PARADAPIÑOL-PARADASECA-PONTE SOLDÓN

PERCORRIDO APROXIMADO: 10,5 km
DIFICULTADE: media-alta
TEMPO ESTIMADO: 4 horas




“Apartamentos o Muiño”
Ponte- Soldón –Quiroga (Lugo)
Tlf :  679455126   (Luis)
679467032 (María)

 


ATENCIÓN!: Este é un sendeiro que discorre na súa meirande parte pola montaña e non sempre se atopa nas mellores condicións. Hai que prestar atención especial no treito entre Rugando e Paradapiñol, onde hai varios pasos que requiren moita precaución. 

É CONVENIENTE SELECCIONAR AS RUTAS QUE SE VAIAN REALIZAR EN FUNCIÓN DA PREPARACIÓN E O NIVEL DE CADA PERSOA.

O Camiño Ferradal ou da Caleira desenvólvese de xeito íntegro nas parroquias de Bendollo, Paradaseca e Vilarmel no Concello de Quiroga. Une os lugares de Rugando, Paradapiñol, Paradaseca e Ponte Soldón cun percorrido de 10,5 km. En calquera destas localidades pode iniciarse un percorrido polo camiño e para chegar a elas o acceso faise dende o PK-467 da estrada N-120, tomando a estrada local que conduce a Cereixido.
O percorrido proposto arranca dende a ferrería de Rugando, hoxe casa de turismo rural: atravesamos o río pola ponte que une este lugar con Vilarmel e Cereixido, o camiño sae á dereita e atravesa un frondoso souto do que aínda se apañan as castañas, despois de varias encrucilladas perfectamente sinalizadas e sempre con dirección sur, na marxe esquerda do río Soldón, o camiño faise máis estreito e quebrado na baixada ao río onde aínda se poden ver os restos dunha ponte que permitiría acceder a Paradapiñol. Neste treito o sendeiro vai cerca do río para ir gañando altura progresivamente ata separarse do camiño vello que subía cara a Cereixido. A partir deste cruzamento o sendeiro vai máis ou menos ao chan ata chegar a unirse co Camiño Ferradal. Neste punto podemos volver ao punto de partida subindo á aldea de Paradapiñol ou continuar a ruta cara a Paradaseca e Ponte Soldón.
Unha vez superado o cruzamento da ponte de Paradapiñol, o camiño ascende con suavidade cara ao lugar do Castro para descender tamén con suavidade ata unha ponte de madeira que atravesa o regato do Barreiro procedente de Cereixido. Baixo a ponte e nun lugar de gran beleza atopamos un muíño fariñeiro que segundo contan nunca chegou a funcionar. Dende o rego de Cereixido o sendeiro empeza a gañar novamente altura bruscamente ao primeiro e logo de xeito doado, pasando ao carón dun curioso abrigo rochoso probablemente empregado antano polos pastores. Pronto nos atopamos co rego de Rocaboa que baixa bruscamente do chan de Fiais en abruptas fervenzas. Atravésase novamente por una ponte de madeira para ir gañando altura ata saír do rego e circular a media ladeira polo val do río Soldón. Neste val o camiño descende paseniño ata cruzar o Soldón na espectacular ponte do Frade; xa na beira dereita a ruta percorre un treito rodeado de sequeiros e alvarizas que nos conduce ata o lugar de Pena Furada. Para chegarmos ao túnel escavado polo romanos para conducir auga a varias minas auríferas, temos que abandonar o camiño uns 100 m en dirección ao río por unha senda ben marcada.
A partir de aquí o sendeiro diríxese cara a Paradaseca. Hai dúas opcións pouco despois da primeira encrucillada: -a primeira ascende directamente cara á aldea por un bosque de piñeiros, -a segunda, baixa cara ao río polo lugar da ferrería da Gorgueira e ascende logo bruscamente cara a Paradaseca ou tomando un desvío pouco antes de chegar á aldea para, xa en continua baixada, chegar á Ponte Soldón despois de pasar pola paraxe que ocupa a cova de Ricopete, que foi mina romana.
A pouco que un penetre neste camiño, percibe que se atopa ante algo máis que unha vía de comunicación abandonada: estamos ante un claro exemplo de adaptación ao medio, ante un elemento etnográfico en si.
Colgado nun terreo de pronunciada pendente, a súa caixa foi picada, ás veces, directamente na rocha natural, na lousa, alcanzando en ocasións unha altura superior aos 2,5 m polo lado do monte. Pola contra, cara á caída do val, nas numerosas ocasións en que a morfoloxía do terreo ou a cota o esixe, aséntase sobre un muro de laxes de lousas horizontais (laxes sacadas da construción da caixa do propio camiño), encargado de soportar o entullo que nestes tramos formaría toda ou parte da súa capa de rodadura.
Comúns á meirande parte dos camiños tradicionais asentados sobre o substrato rochoso natural, as rodadas esculpidas no chan dos típicos carros de bois do país están tamén aquí presentes como proba dun continuado uso desta vía no tempo, probablemente para o transporte do ferro producido na ferrería de Rugando e do cal cocido nos fornos da zona.




No hay comentarios:

Publicar un comentario